Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta colabora en melloras ambientais e de infraestruturas levdas a cabo no concello de Frades


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe os traballos realizados este ano na cubrición e ampliación do parque de Ponte Carreira e o equipamento adquirido en conxunto con Mesía para os servizos municipais de protección do medio ambiente

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo no concello de Frades para melloras ambientais e das súas infraestruturas con apoio do Goberno galego.
Así, comprobou os traballos no parque infantil de Ponte Carreira, no que a Xunta colabora na súa cubrición e ampliación a través da orde de Infraestruturas de uso público. Esta liña de axudas conta cun orzamento de catro millóns de euros, un millón máis que o exercicio anterior, e que precisamente na convocatoria deste ano prima os proxectos de cubrición de parques infantís. A través desta orde, os concellos poden crear, mellorar ou reformar infraestruturas básicas dos servizos municipais. As actuacións neste parque inclúen ademais a renovación do pavimento e dos xogos infantís.
Por outra banda, Natalia Prieto comprobou o equipamento que emprega o persoal do concello para as actuacións de mellora, mantemento e protección do medio ambiente. O concello de Frades solicitou de forma conxunta co de Mesía apoio da Xunta para os custos de funcionamento de persoal e equipamentos dos servizos municipais encargados da conservación e recuperación do medio natural como paseos, áreas recreativas e rutas de sendeirismo co obxectivo de poñer en valor os seus recursos naturais como reclamo turístico.
Así, o Goberno galego vén colaborando nos últimos anos nestes gastos ambos concellos mediante o Fondo de Compensación Ambiental, dotado con 12,5 millóns na convocatoria deste exercicio, e que financia accións dos concellos baseadas na sustentabilidade, a biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos.
A directora xeral de Administración Local destacou a aposta do concello de Frades, xunto con Mesía, por unha xestión eficiente dos recursos dispoñibles co obxectivo de prestar servizos de calidade aos veciños ao mesmo tempo que se minimizan e reducen custos.
Deste xeito, as axudas solicitadas de forma conxunta con Mesía para a protección do medio ambiente e o medio natural ao abeiro do Fondo de Compensación recibidas nos últimos anos supera os 333.600 euros.

O investimento do Goberno galego no concello de Frades este exercicio ascende a 116.600 euros nas actuacións no parque infantil de Ponte Carreira e no financiamento dos servizos municipais de protección do medio ambiente. As achegas nos últimos anos ao municipio a través das distintas liñas de axudas da Administración autonómica sitúanse arredor dos 670.000 euros.